imprimir

Indicador mensual de Confianza do Consumidor (ICC) do mes de xaneiro de 2013

  O Indicador mensual de Confianza do Consumidor (ICC) do mes de xaneiro, publicado hoxe polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), sitúase en 55,7 puntos (máis de once puntos por enriba do mes anterior), o que supón un notable incremento con respecto aos últimos meses, que se produce tamén en todos os seus compoñentes: aumenta considerablemente a valoración da situación actual (+9,5), aínda que o maior crecemento o experimenta a valoración das expectativas (+13,3). Non obstante, en comparación cos resultados de xaneiro de 2011, a confianza do consumidor segue en niveis inferiores.

  O indicador da situación actual (36,2) crece en xaneiro. Todos os seus compoñentes experimentan subidas destacando especialmente a relativa á valoración da situación do mercado de traballo (+9,6 puntos) e, sobre todo, a da situación actual da economía do país (+13 puntos). A valoración da situación actual dos fogares recupérase (+5,5 puntos) fogares despois do forte descenso sufrido en novembro.

  Pola súa banda , o indicador de expectativas (75,2) tamén aumenta notablemente no mes de xaneiro sumándose ao incremento acumulado de 25 puntos que se produciu dende a forte caída de xullo. A valoración sobre a evolución futura da situación dos fogares dentro de seis meses avanza 6,1 puntos e a relativa á situación económica crece 14,6 puntos. O incremento máis rechamante experiméntao a opinión dos consumidores con respecto á evolución futura do emprego, que escala 19,4 puntos.

  No que respecta á situación económica de España os datos melloran substancialmente con respecto a decembro. O 75,2% dos entrevistados considera que actualmente é peor que hai seis meses e de cara ao próximo semestre, o 54,8% opina que a situación económica empeorará. Por outro lado, diminúe a porcentaxe dos consumidores (49,5%) que cren que os prezos crecerán en 2012 máis que no último ano. Pola contra, o 48,6% dos enquisados inclínanse a pensar que os tipos de interese se manterán no 0,75%.

  A valoración sobre a situación económica dos fogares españois segue sendo o compoñente máis estancado en termos de confianza, non obstante, producíronse avances neste mes de xaneiro. O 44,3% dos entrevistados afirman chegar xustos co fin de mes e en canto ás expectativas de aforro durante o próximo ano, a maioría afirman que serán iguais ás actuais (49%).

  No relativo ao mercado laboral, o 77,8% dos enquisados consideran que a situación en España para encontrar traballo empeorou nos últimos seis meses, aínda que se mostran esperanzados en canto á súa evolución futura (o 51,1% cre que a situación empeorará de cara ao próximo semestre fronte ao 63,1% de decembro).

  A análise en canto á adquisición de bens duradeiros reflicte que a gran maioría afirma non ter adquirido equipamento do fogar nos últimos seis meses (mobles un 86,3% e electrodomésticos un 70,5%) e o mesmo acontece no caso dos automóbiles (un 93,3% afirma non ter adquirido ningún nos últimos seis meses). En calquera caso, os enquisados manifestan nun 91,1% dos casos que a súa intención de cara á adquisición deste tipo de bens nos próximos meses seguirá na mesma liña. Non obstante, prodúcese certo avance na adquisición de pequeno electrodoméstico, principalmente.

  En xaneiro, a pesar de que a evolución interanual segue sendo negativa, producíronse importantes avances en todos os indicadores botando certa esperanza para 2013. O consumidor mostra certo optimismo especialmente no relativo á situación futura (dentro de seis meses). A situación económica dos fogares segue sendo o compoñente máis sensible.