imprimir

Vedas do marisco en Galicia para os anos 2021, 2022 e 2023

ORDE do 21 de decembro de 2020 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece que a política da Administración autonómica terá, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros obxectivos, o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos. Entre as medidas de conservación e xestión que recolle a dita lei figura a adopción, logo de audiencia do sector afectado, de plans de xestión definidos como medidas reguladores da actividade pesqueira e marisqueira.

Os plans de explotación marisqueira tiveron o seu desenvolvemento normativo no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños. Na actualidade, o Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, establece que a extracción dos recursos xerais estará suxeita ao Plan xeral de explotación marisqueira aprobado con carácter trianual pola Consellería do Mar e regula os plans de xestión.

Nesta orde establécese o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice coas garantías de desenvolver unha explotación sustentable dos recursos marisqueiros xerais, e tendo en conta aspectos de carácter ambiental, social e económico.

Os plans de xestión incluídos no Plan xeral recollen obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais a tres anos, niveis de referencia e indicadores, así como estratexias de actuación. Os plans de xestión atenden a obxectivos biolóxicos relacionados co uso sustentable e a longo prazo dos recursos marisqueiros. Dentro dos obxectivos ecolóxicos destacan a participación das persoas mariscadores en actividades relacionadas coa protección da biodiversidade e ecosistemas mariños, en particular mediante a recollida pasiva de residuos. Finalmente, os obxectivos socioeconómicos están maioritariamente relacionados coa mellora dos ingresos e o mantemento ou creación de emprego.

Os plans de xestión son o resultado dun estudo continuado da evolución dos recursos e do hábitat. Moitos dos traballos realizados para a elaboración e desenvolvemento dos plans de xestión achegan información estandarizada que pode ser encadrada nos descritores 1, 2, 3, 6 e 10 definidos pola Directiva marco sobre a estratexia mariña (DMEM) como criterios para definir o bo estado ambiental.

As entidades do sector, titulares dos plans de xestión, realizan de forma coordinada e continua no tempo, a recollida de información estandarizada dos descritores mencionados, e en coordinación co persoal técnico da consellería lévase a cabo a monitorización e mantemento do estado dos recursos marisqueiros e do ecosistema ao longo do litoral e zona marítima de Galicia. Isto permite que as áreas xestionadas mediante os plans de xestión conformen unha rede planificada de zonas naturais, deseñada e xestionada para proporcionar un amplo abano de servizos ecosistémicos e protexer a biodiversidade, o que atende ao concepto de infraestrutura verde (azul no medio acuático).

Como novidade, os plans de xestión poden incluír a realización de actividades de turismo mariñeiro por parte das persoas mariscadoras en apoio do uso sustentable dos recursos, de acordo co recollido nos artigos 112 e 113 da Lei 11/2008, do 3 de decembro.

Os plans manteñen o enfoque baseado na coxestión e gobernanza dos recursos, coa participación do sector produtor do marisqueo na súa elaboración e na asunción de responsabilidades na xestión sustentable dos recursos.

O mecanismo de elaboración do Plan xeral permite ás entidades asociativas do sector a participación activa na xestión dos recursos marisqueiros mediante a presentación de plans de xestión para as autorizacións e para as zonas de libre marisqueo en que procuran unha mellora da explotación con respecto ás normas xerais de libre marisqueo. Adquiren especial relevancia as actividades de conservación, entre as cales se inclúen a implementación de actividades de semicultivo, o establecemento de puntos de control da actividade extractiva e o control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, elementos fundamentais para a recuperación e mellora das zonas produtivas.

Sen prexuízo do exposto, a Administración avalía o réxime de conservación e explotación dos recursos tendo en conta as variables biolóxicas e a saúde dos stocks, así como as variables ecolóxicas e socioeconómicas da xestión e, se procede, introduce as melloras necesarias, co fin de asegurar unha explotación sustentable tendo en conta aspectos ambientais e acadar unha maior rendibilidade económica e a creación de emprego.

A orde regula as solicitudes e os prazos dos plans zonais e plans de xestión de recursos marisqueiros xerais e o desenvolvemento dos plans de xestión, que adoita realizarse mediante autorizacións das xefaturas territoriais da Consellería do Mar. A experiencia do sector na xestión e conservación dos recursos e o seguimento técnico da actividade permite que, actualmente, que estean delimitados os bancos marisqueiros por especie comercial, se coñezan os niveis de capturas de cada unha, e poida analizarse o resultado do esforzo pesqueiro a que están sometidos os ditos bancos.

As xefaturas territoriais, no marco do desenvolvemento dos plans de xestión, poderán adaptar medidas para favorecer o cumprimento dos obxectivos dos plans, logo de consulta coas entidades titulares destes. Ademais, tamén poderán realizar adaptacións, logo de solicitude das entidades titulares dos plans de xestión, cando se dean circunstancias que dificulten ou potencien o seu desenvolvemento, e tendo en conta aspectos biolóxicos, socioeconómicos e de creación de emprego.

A orde tamén regula, como medida para unha mellor conservación, os períodos autorizados para a extracción dos diferentes crustáceos, tendo en conta os datos científicos dispoñibles no momento actual, e sen prexuízo de que o órgano xestor poida realizar modificacións en función do estado dos recursos.

As medidas de xestión para a explotación da centola, do boi e do polbo desenvolveranse a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. De igual xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.

As entidades asociativas do sector, no ámbito dos plans de xestión marisqueira, poden reservar zonas en que as persoas titulares de licenzas marítimas de pesca recreativa poidan capturar ata 50 poliquetos ao día, sempre que non interfiran coa actividade marisqueira. As entidades asociativas titulares de plans de xestión poderán levar a cabo o control destas actuacións no marco das operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies que están a realizar.

Na orde figura recollido o punto terceiro establecido na Orde da Consellería do Mar do 28 de setembro de 2020 pola que se modifican determinados plans de explotación marisqueira con motivo das obras de dragaxe na ría do Burgo (DOG nº 197, do 29 de setembro), polo que a cláusula referida no punto segundo quedará incluída nos futuros plans marisqueiros que se aproben á Confraría de Pescadores da Coruña cando a actividade desenvolta se realice no espazo afectado polo proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña).

Nos crustáceos, pola contra, establécense os seguintes períodos de capturas autorizados para 2021, 2022 e 2023:
EspeciePeríodos autorizados para os anos 2021, 2022 e 2023
Períodos publicados no Diario Oficial de Galicia
Nécora (Necora puber): De 1 a 5 de xaneiro e de 1 de xullo a 31 de decembro.
Lumbrigante (Homarus gammarus): De 1 de xaneiro a 31 de marzo e de 1 de xullo a 31 de decembro.
Langosta (Palinurus elephas): De 1 de xaneiro a 30 de setembro.
Santiaguiño (Scyllarus arctus): De 1 a 5 de xaneiro e de 1 de outubro a 31 de decembro
Cangrexo (Carcinus maenas): Todo o ano.
Conguito (Macropipus corrugatus): Todo o ano.
Patulate (Macropipus depurador): Todo o ano.
Engadimos aquí unha ligazón ao dog no que se regulan os devanditos períodos.
Ver a orde completa