imprimir

Campaña Bonito 2017 “O NOSO MAR MARCA”

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a campaña do bonito 2017 baixo o slogan O NOSO MAR MARCA

Unha pesca tradicional "Porque a súa captura é respectuosa co medio"

  Dende hai séculos a pesca do Bonito do Norte, por parte da frota galega, realízase polo método do corricán (pesca con anzol), aínda que en ocasións tamén se realiza polo sistema do cebo vivo. Estas dúas artes utilizan a cana e o anzol, o Bonito do Norte péscase un a un, e permite unha selección dos exemplares, unha pesca selectiva que contribúe ao mantemento da especie e a non captura accidental doutros exemplares. Cada peza de bonito chega aos nosos mercados coa máxima frescura.

  Corricán: os atuneiros despregan longas "perchas" con anzois polos dous lados (adoitan ser pequenos polbos de plástico). Os atúns seguen o ronsel dos cebos camuflados e voraces morden o anzol. Son izados a bordo á man ou con carretes un a un.

  Cebo vivo: os barcos pescan primeiro a anchoa ou o verdel que utilizarán como cebo, e mantéñeno vivo nas embarcacións. Logo de localizar o banco de bonito, lanzan o cebo vivo xunto ao barco, ao tempo que dirixen fortes chorros de auga para que pareza que "ferve" pola cantidade de anchoa. Os bonitos excitados soben á superficie e lánzanse sobre os peixes vivos ou metidos no anzol. A extracción con cana realízase igualmente un a un.

Un produto de etiqueta "Porque é garantía de calidade"

  Un control rigoroso da pesca axuda ao mantemento das especies. Identificar e rexistrar as capturas asegura o futuro das pesqueiras e garantir a calidade do produto ante o consumidor.

  Identificar o Bonito do Norte coa etiqueta verde é sinónimo de calidade e pesca responsable, respecto ao medio e defensa da sostibilidade e as pesqueiras tradicionais. Busca a etiqueta verde e obterás un produto excelente, natural e galego.

  Busca a etiqueta verde, a calidade do Bonito do Norte de Galicia.

Un produto fresco "Porque estamos en tempada"

  Nos meses de verán chega aos nosos portos o Bonito do Norte. É o momento para o seu consumo e para incorporalo aos teus menús.

  O Bonito do Norte é un peixe san e saboroso que vive durante o inverno nas augas próximas ás Illas Azores e que se despraza a finais da primavera (maio ou xuño) ao mar Cantábrico. Durante esta migración é cando se inicia a campaña do bonito, chamada costeira. Nela participan os barcos procedentes de Galicia, e facéndoo chegar aos nosos portos durante os meses de verán. De xuño a outubro é o momento de degustalo fresco, o resto do ano podemos gozar do seu sabor nas múltiples variedades de conserva, en aceite de oliva, con tomate, en escabeche, ó natural, etc.

  O Bonito do Norte (thunnus alalunga) pode alcanzar unha lonxitude de ata 140 cm e un peso de 40 kg. É un prezado alimento que grazas á pesca tradicional mantén intacta a calidade da súa carne e a súa frescura. A súa pel é lisa e as aletas pectorais máis longas e aerodinámicas, a cor azul escura metálica na súa parte traseira, cos laterais e o ventre de cor branca prateada distíngueo.

Un produto natural "Porque é san e equilibrado"

  O Bonito do Norte é un peixe rico en Omega 3, axuda a reducir os niveis de colesterol. Tamén é rico en proteínas e vitaminas A, B e D. Proporciona minerais como o calcio, o iodo, o fósforo e o potasio esenciais para o noso metabolismo. É a combinación perfecta: sabor e saúde.

Cociña Bonito "Porque e fácil de preparar"

  Prepara fáciles receitas que podes encontrar na web de fainobonito, fainobonito.xunta.gal.