Os peixeiros da Coruña prevén a campaña do Nadal ´máis pobre´ en anos
- Entrevista realizada por Jacobo Caruncho e publicada en La Opinión de A Coruña o día 16 de decembro de 2012
AMANDO LÓPEZ GIL PRESIDENTE DOS DETALLISTAS
<<Os peixeiros da Coruña prevén a campaña do Nadal ´máis pobre´ en anos >>"Os vendedores de mercados e peixarías destacan o repunte dos clientes que compran o marisco con antelación para conxelar - A cigala é o produto que máis escasea este ano"Os postos de venda coruñeses de peixe e marisco tremen ante a chegada do Nadal. A escaseza de produtos, os seus altos prezos e a situación económica fan que a Asociación de Minoristas del Puerto de A Coruña espere unha campaña "pobre", a peor nos case cinco anos de crise, nos que xa notaron un importante descenso de vendas. A cigala, un dos mariscos estrela desta época, escasea, ao igual que o camarón. Ademais, os vendedores destacan que este ano hai máis xente que nunca que decide facer as súas compras con antelación, para despois conxelar e aforrar así os "disparatados prezos" que alcanzan os produtos do mar nos últimos días do ano. "Os detallistas temos unhas previsións de vendas que se corresponden co que está a sufrir todo o país. Esperamos unha campaña do Nadal pobre", afirma o presidente da asociación de detallistas coruñeses, Amando López. "Se en anos anteriores a xente xa ía apertada, este ano vaise apertar aínda máis", engade. |
E é que como acontece cada mes de decembro, vendedores e clientes contan con que os prezos aumenten segundo pasen os días ata chegar ao seu máximo nas datas claves do Nadal. Entre os produtos polos que máis temen encóntrase a cigala e o camarón, que brillan pola súa ausencia. "A cigala está en mínimos, que case non vén nada de Gran Sol e a xente se vai á conxelada", asegura López, que anuncia tamén que o pouco camarón do que dispoñen é "de pouco tamaño".
Outro dos produtos máis consumidos nesta etapa, a centola, sobe de prezo "bastante rápido". "A campaña empezou frouxa, pero a centola xa está a alcanzar prezos altos, sobre 20 euros en lonxa, e seguirá subindo. Así a ver a quen a compra", explica o presidente dos detallistas coruñeses. Debido a isto, os clientes apúranse en facer xa as súas compras de marisco para conxelalo e gardalo ata servilo nas ceas e comidas do Nadal. "Este ano notamos un repunte na xente que fai isto, xa que é máis difícil que nunca chegar co fin de mes. Hai xente que antes nunca o facía e agora formúlallo", advirte López.
A todos estes temores dos detallistas hai que sumarlle un máis: as adversas condicións climáticas. "Agora veñen temporais e as capturas redúcense ao mínimo, o que repercute sobre o seu prezo", lamenta o presidente dos detallistas da Coruña. Aínda así, aclara, as embarcacións de hoxe en día están "mellor preparadas" que as de hai anos, polo que cando se fala de amarres da frota por temporal, sempre hai algúns barcos que faenan igualmente, "con máis dificultades", polo que sempre haberá produtos nos seus postos de venda. "A xente pensa que cando hai temporal os amarres son xerais, pero sempre hai un 20% ou 30% da frota que faena a pesar das condicións", explica.
A pesar de todo, os detallistas aseguran que nos seus pequenos comercios sempre dispoñerán de produtos "de calidade". "Nas poxas sempre imos a polo mellor", asegura López, quen aclara que nunca compran o peixe e marisco que se corresponde cos prezos mínimos na lonxa -os que alcanzan as peores pezas, "as máis pobres e baleiras".
Con todo, os pequenos comercios cruzan os dedos para que a situación mellore e este nadal sexan o máis levadeiras posible.
Os detallistas coruñeses aseguran que este exercicio é o peor dende que empezou a crise