Dános a vida que mellorase a pesca de litoral
- Entrevista realizada por J. Caruncho e publicada en La Opinión de A Coruña o día 16 de decembro de 2012
AMANDO LÓPEZ GIL PRESIDENTE DOS DETALLISTAS
<<Dános a vida que mellorase a pesca de litoral>>
"Non entendemos as paradas biolóxicas que marca a Xunta"
Dende que se constituíu, en 2010, a Asociación de Minoristas del Puerto de A Coruña perdeu socios co paso dos anos, ata chegar ao centenar que son a día de hoxe. O mesmo acontece cos postos de venda, que ascenden a entre 300 e 400 na cidade coruñesa. O seu presidente, Amando López, explica que a redución se debe á crise e ás xubilacións, pero que seguen adiante grazas ao peixe do día e a calidade dos seus produtos fronte aos das grandes superficies.
A que se debe a perda de postos minoristas?
As cousas están mal para todo o mundo. Houbo xente que lle foi mal o negocio e o deixou por non poder vender, pero na maioría dos casos a xente que o deixa é por xubilación.
Cal foi o seu maior logro como asociación?
Temos unha nova catalogación con capacidade en todo o ámbito galego. Temos algunhas persoas doutros sitios que veñen aquí a comprar, pero de momento non se asociou ninguén. É un dos nosos maiores logros, conseguir o carácter autonómico.
Como os inflúe a crise?
Notámola moito. Hai un tema moi importante polo que imos pelexar; non entendemos como as administracións gastan diñeiro en promover os produtos do mar e non obstante non os poñen ao mesmo tipo de IVE que ás froitas ou verduras. É contraproducente e totalmente inxusto.
Canto do que se vende na lonxa corresponde aos detallistas?
Entre os detallistas compramos máis que os exportadores e as grandes superficies. Os exportadores notaron unha redución nos últimos anos pola frota de Gran Sol, pero nós traballamos sobre todo con peixe do día.
E mantéñense grazas a ese peixe?
Dános a vida o peixe das embarcacións de baixura e do arrastre de litoral, que están a manter as capturas e se recuperaron algúns caladoiros como o da pescada ou o galo. En Gran Sol, pola contra, a frota está totalmente destruída en parte pola redución de cotas. O que había hai dez anos era un mundo, agora non hai nada, pero iso afecta máis aos exportadores.
Como lles afectan os recortes de cotas á frota?
As administracións deciden ás veces de forma equivocada cortar a cota dalgunhas especies. Teñen os seus estudos, pero nós vemos o que hai todos os días e non entendemos moitas das medidas. Non sabemos que datos manexa a Xunta para as paradas biolóxicas, que son criticables.
Por que comprar a un detallista e non nunha gran superficie? Que os diferencia?
Somos máis esixentes co peixe que levamos para os nosos postos. A nosa clientela ten depositada seu confianza na calidade coa que traballamos. Compramos para vender no día, non nos interesa nada gardar para almacenar. Se seguimos existindo é porque tratamos a xente de xeito moi peculiar e temos unha clientela fixa.
Moita xente recorre a produtos importados por cuestión de prezos. Como o ven?
En Galicia temos o mellor produto pesqueiro do mundo. Algúns estudos demostran que as condicións de traballo dalgúns países dos que importamos non traballan nas condicións axeitadas. Iso aquí non pasa.
Este ano xurdiu unha polémica cando a Xunta os informou de que debería pasar unha ITV obrigatoria ás básculas. En que quedou?
O tema está parado e non recibir noticias é bo sinal. Negámonos rotundamente porque o vemos un imposto con carácter recadatorio, fore de lugar e moi inxusto. Tratábase de facernos pagar 50 euros por báscula cada dous anos, para quitarnos o diñeiro e enriquecer unha empresa que o ía realizar. Ameazamos con que se se levaba a cabo iamos facer unha manifestación. Intentárono facer en moitas comunidades, Galicia foi das últimas e onde máis nos movemos en contra.
En Galicia foi onde máis nos movemos contra a ITV ás básculas